Friday 17 de May de 2024

O Noutrora non para a pesar da choiva con actividades para todos os públicos


A previsión meteorolóxica para esta fin de semana non impide a continuación do NOUTRORA. O xoves 29, ás 11.45 h un bus antigo de Autos Vázquez estará disposto no Parque da Igrexa agardando polos pasaxeiros que queiran achegarse ata a Xuventude de Cecebre, que este ano conmemora o seu centenario, facendo un percorrido por algunhas das máis pintorescas paraxes do municipio. Esta ruta ten unha duración estimada de 45-50 minutos. Un bus sairá de Cambre ás 12.00 h e voltará cos pasaxeiros para facer unha segunda viaxe ás 13.00 h. Ás 18.00 h quen desexe compartir o seu tempo de lecer nas Merendiñas de Cambre pode facelo no Parque da Igrexa. As Merendiñas convidan á xente a participar de xeito activo, non só como espectadores, senón integrándose e vivindo plenamente o espírito de principios de século: a vestimenta, attrezzo, todo! Ás 19.00 h actuarán os Larperios de Altamira e Aires de Sigrás, dúas agrupacións de música tradicional da localide.

O venres 30 ás 13.00 h actúa a Randeira da Rocha e un grupo de voluntarios amantes das recreacións teatrais levarán a cabo unha escenificación polo voto feminino. Xa pola tarde, ás 18.00 h, haberá unha chocolatada popular para recreo dos espíritos doces e, como complemento, un concurso de biscoitos no que se valorará, sobre todo, o carácter tradicional da proposta gastronómica e tamén a súa presentación. As bases poden consultarse na páxina web do Concello. Pola noite un prato forte: a emblemática orquestra Os Satélites, acompañada das voces dos míticos cantantes Sito Sedes e Melchor, conmemora 80 anos de traxectoria musical. Será ás 21.30 h no Pavillón Sofía Toro.

O sábado 31 ás 13.00 h o grupo Aires de Sigrás alegrará a maña sabatina con música popular. Xa pola tarde, ás 17.00 h temos unha cita co Mago Román, quen nos adentrará no seu fantástico mundo de ilusión e dará paso á actuación do grupo Pirilampo: música para nenos e para adultos. A continuación, ás 19.30 h, cantará a Tuna de Veteranos da Coruña e, xa ás 20.30 h, tócalle o turno ás corais de Cambre e Cecebre e as Voces Veteranas de Culleredo.
O domingo 1 pola mañá varios autos antigos da Asociación Coruña Veteran Car estarán expostos na Praza Enrique Piñeiro a partir das 11.00 h. A banda da Escola de Música Sementeira pon fin ao ciclo de música deste programa o ás 13.15 h e cunha sesión de contacontos de Pedro Brandariz pechamos ás 18.00 h este intenso programa de actos que pretende achegarse a todos os sectores da veciñanza.